Concello de Entrimo

Concello de Entrimo

Historia

Lenda e tradición conforman a historia, descoñecida e pouco estudada, deste municipio. Se algo é certo é que Entrimo ten moito que contar, unha historia tan dilatada que se remonta á Prehistoria. 

Descoñecemos se os primeiros poboadores foron os oestrymnios, adoradores de serpes, expulsados polos saefes ou non, do que si hai constancia é dos restos arqueolóxicos atopados.

Acháronse restos de necrópoles prehistóricas en diferentes puntos do municipio, tales como A Pena de Anamán, mámoas e tumbas antropomorfas en San Fiz de Galez e no altiplano da Serra de Queguas, onde está situado o dolmen “A casa da Moura”. Trátase dun megalito de finais do Neolítico de grande importancia polas súas dimensións e por ser un dos mellor conservados de Galicia.  

Ao redor del xorden lendas relacionadas coas mouras, personaxes fantásticos da cultura mitolóxica galega, espíritos máxicos con forma feminina, de cute branca e longo cabelo roxo. Ademais, crese que os seus arredores serviron de refuxio ao bandoleiro do s. XIX, Tomás das Quingostas, do que se dicía que roubaba aos ricos para repartir entre os pobres.

A cultura castrexa deixou tamén o seu sinal nos nosos montes. Atopáronse restos de castros en diversos lugares da serra do Quinxo e no conxunto dos Castelos, situado no Coto das Ferradas, parcialmente escavado. Segundo os datos obtidos da intervención arqueolóxica, a ocupación deste monte polos galaicos castrexos daríase desde o século V a.n.e.

Non se dispón de suficiente material para elaborar un perfil histórico da zona durante as épocas medieval e moderna, pero si se sabe, segundo Fernández Gasalla, da existencia dun complicado armazón de dereitos xurisdicionais e económicos. A primeira mención documental data do 938, cando Ilduara, nai de S. Rosendo, doou ao mosteiro de Celanova posesións de diversos lugares, entre os que se menciona Interimio.

Con todo, o dominio xurisdicional da parroquia de Santa María, parece ser de posesión real, segundo se determina nun preito litigado entre o I Conde de Ribadavia e os veciños de Entrimo en 1502. Vicente Risco tamén fai referencia a unha resolución que puxo fin ao dominio celanovense, pasando a ser un territorio de reguengo, durante a Idade Moderna.

O que é seguro é que a riqueza e a prosperidade socioeconómica da zona faise palpable non só nos escritos achados sobre rendas e diezmos, senón nos restos que aínda se poden apreciar da época: pontes; os restos dunha torre defensiva coñecidos como Pía da Moura, tamén envolta en lenda;  a casa reitoral; o pazo que fixo construír o párroco D. Antonio Manjón en 1748 no Casal de Alén, coñecido como A Casa de Represa e, por suposto, a fantástica igrexa barroca Santa María a Real de Entrimo, en cuxa fachada principal aparecen as armas de Felipe V, feito que serviu ao citado abade P. Manjón para reclamar a xurisdición desta freguesía  nos tribunais.

De 1608 é a Real Carta de Felipe III, confirmada en 1643 por Felipe IV, pola que os veciños de Entrimo quedan exentos de cargas militares, salarios e contribucións. Concédese esta importante exención porque os habitantes se vían obrigados a prestar servizo de sentinelas e a acudir á defensa do Reino debido á situación fronteiriza e á existencia da gran fortaleza de Castro Laboreiro. 

A zona foi especialmente conflitiva durante a Guerra de Restauración portuguesa (1640-1668) e durante a Guerra de Sucesión española (1701-1713). Moito despois, durante a Guerra Civil e a posterior ditadura, os montes transfronteirizos fixéronse gardiáns e testemuñas das relacións de amizade e axuda que se prestaron os habitantes de ambos os lados da fronteira.

Concluír este brevísimo resumo da nosa historia facendo mención á situación actual do rural galego, o progresivo despoboamento que fai que sexan agora menos da metade os habitantes daqueles 2760 que contaba o censo de Floridablanca en 1787 no noso municipio. É este un problema que afecta de forma xeral a todo o rural da Península e, dun modo especial, a algunhas comunidades autónomas que se encontran máis envellecidas. Esta situación levou a moitos municipios, como o noso, a pór en marcha plans que fomenten a chegada de xente nova e novas familias ao medio rural.