Puntos de interese paisaxístico
Pantano de Olelas
O pantano de Olelas e os picos escarpados de fondo da serra do Quinxo forman unha das fotos máis belas do Parque Natural do Xurés.
A presa do pantano foi construída a principios do s.XX para abastecer de auga de regadío ó lugar de Olelas.
Para chegar desde A Terrachán, (capitalidade do Concello de Entrimo), é necesario tomar a estrada OU-1209, dirección ao lugar de Olelas. É unha vía estreita e con bastantes curvas. Aínda así, paga a pena achegarse ata esta contorna e gozar da espectacular paisaxe, onde, ademais, é moi frecuente ver vacas cachenas (raza autóctona de Entrimo), singulares polo seu pequeno tamaño e a súa gran cornamenta.
Castelo da Pica
Nos montes do Quinxo, na contorna denominada Castelo da Pica, atópase este monumento natural que desafía á gravidade.
Estas formacións coñécense tamén como pedras cabaleiras. Trátase dun amontoamento en vertical, duns nove metros de altura, de pedras graníticas, con certo aire de inestabilidade, esculpidas polo vento e a auga.
Desde este miradoiro natural, o visitante pode gozar dunhas vistas espectaculares da Serra do Xurés e o Val do Limia.
Para acceder ao lugar o máis fácil é tomar a estrada OU-1209 dirección Olelas, chegar ata a aldea da Illa e, despois dunha granxa abandonada nos arredores, tomar, a uns 700 metros, a pista de terra a man dereita, onde estará indicado o roteiro ata A Pica. Desde aquí é mellor ir andando uns 2,5 km.
Mirador de O Pedreiriño
Este miradoiro foi creado en 1980 como área recreativa con mesas, fonte e valado en pedra que ofrece unha fermosa panorámica de parte do concello de Entrimo, a liña montañosa do Parque Natural Serra de O Xurés- Gerês e de parte do Val do Limia.
Está situado a uns 2,5 km da Terrachán (capitalidade do concello de Entrimo) na estrada OU-1210.