Concello de Entrimo

Concello de Entrimo

Festa de exaltación da empanada de Forquellas e a carne de cachena de Entrimo.

O concello de Entrimo celebra todos os anos unha festa de exaltación da Empanada de Forquellas e a carne de Cachena da serra do Quinxo. Un evento que ten lugar o primeiro domingo do mes de xuño e que congrega as persoas amantes destes dous manxares autóctonos.

 

A empanada de Forquellas

A empanada de forquellas é un prato autóctono de Entrimo cuxa receita xa recollía Alvaro Cunqueiro no seu libro Cociña Galega (1973). Unha empanada única en Galicia elaborada con fariña de millo, forquellas e touciño de porco na que se mestura todo, masa e recheo, para dar un delicioso e contundente resultado.  

A forquella é un embutido propio desta zona que se fai con touciño, cebola e cabaza todo iso embuchadoS na tripa fina do porco e afumado.

 

A Vaca Cachena

É unha raza cuxa orixe se sitúa no suroeste de Ourense, nos montes da Serra do Quinxo, da Serra do Xurés e DO Laboreiro.

O nome deriva da palabra “cacheno”, que en galego significa pequeno. Esta raza destaca por ser das máis pequenas do mundo e polo gran tamaño da súa cornamenta. As primeiras referencias escritas da vaca cachena foron recompiladas por Javier  Prado Rodríguez, inspector de Hixiene Pecuaria e xefe provincial de Gandería de Ourense que, no ano 1936, a describía como “ vaquiña liliputiense, rústica, que vive en liberdade en pastoreo constante nas montañas do concello de Entrimo e que, a parte da súa diminuta talla, ofrece como signo carcterístico unha franxa ao longo da cara de coloración máis baixa que o resto da súa capa castaño-escura e unhas liñas negras ao redor dos ollos coma se a res, levase lentes de grosa montura”.

 

É unha raza que estivo ao borde da extinción na segunda metade do século XX polo abandono das pequenas explotacións do rural como consecuencia do éxodo cara ás cidades. En 1987 unicamente quedaban 100 exemplares desta vaca no lugar de Olelas, no concello de Entrimo. Foi entón cando a Xunta de Galicia iniciou o proceso de recuperación desta raza a través da granxa experimental de Fontefiz en Coles (Ourense) e Dos gandeiros de Olelas que conservaban os últimos exemplares vivos. Hoxe en día hai máis de 5.500 exemplares repartidos por explotacións gandeiras de Galicia, Castela e León, Estremadura, País Vasco e Principado de Asturias.

Orixinalmente a Cachena empregábase como animal de tiro e para producir leite e carne. Na actualidade só se usa para a produción de carne. A cría destes animais en liberdade e unha alimentación totalmente natural fan que esta sexa unha carne de excelente calidade, tenra e xugosa. Conta ademais con Denominación de Orixe Protexida e co selo 100% Raza Autóctona que outorga o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.