Concello de Entrimo

Concello de Entrimo

Parque natural reserva da biosfera

Parque natural Baixa Limia – Serra do Xurés - Reserva da biosfera

O parque natural Baixa Limia – Serra do Xurés é o de maior extensión dos seis parques naturais galegos cunha superficie de 29.345 ha.

 

Está situado no suroeste da provincia de Ourense, na zona fronteiriza denominada “raia seca”, xa que o límite con Portugal non se sitúa nos ríos senón nas serras do Quinxo, Queguas e O Laboreiro polo norte e O Xurés e Santa Eufemia polo sur.
Abarca os municipios de Entrimo, Lobios e Muíños, ampliado anos máis tarde coa inclusión dos municipios de Lobeira, Bande e Calvos de Randín, sendo recoñecido no ano 1993 polo Decreto 29/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 35, do 22 de febreiro).

 

No ano 2004, declarouse como Rede Natura 2000 o territorio do Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés, que tamén está protexido como “Zona de Especial Protección dos Valores Naturais”, “Lugar de Importancia Comunitaria” e “Zona de especial protección para as aves”.

En maio de 2009, a UNESCO declarou a zona, xunto co veciño Parque Nacional Peneda- Gerês, Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés cunha superficie total de 267.958 ha., das cales un total de 62.916 ha. pertencen á Comunidade Autónoma de Galicia e 205.042 ha. pertencen a Portugal, abarcando as cámaras de Melgaço, Arcos de Valdevez, Ponte dá Barca, Terras de Bouro e Montalegre.

 

Dentro dos seus límites están os circos glaciares de menor altitude da Península. É unha zona montañosa na que o material xeolóxico predominante é o granito. Contrastan a gran variedade de paisaxes entre as cumes, os bosques e os vales polos que discorren numerosos ríos, sendo a auga A protagonista de fermosas estampas e caídas espectaculares.

 

Están censadas máis de trinta especies de mamíferos e cento corenta aves, destacando o lobo, A cabra montesa, O corzo, O xabaril, A garduña, A aguia real, O falcón e o moucho real. Tamén se poden ver con facilidade vacas cachenas (raza autóctona), e garranos, que son cabalos de raza galaicoportuguesa.

 

Dentro do parque natural hai varios roteiros de sendeirismo e bicicleta sinalizados, entre os que destaca a Gran Ruta do Xurés, roteiro lineal de 102 km E que forma parte da Gran Ruta Transfronteiriza Gerês – Xurés que percorre ambos os países e ten unha lonxitude de 300 km.

 

Ademais do aspecto natural do parque, cabe sinalar a cantidade de monumentos históricos que se poden visitar: dolmens, mámoas, miliarios, castros, restos romanos, igrexas, alvarizas, hórreos etc…

 

Hai seis centros de interpretación chamados Portas, distribuídos polos concellos que forman parte do parque. Estes centros tamén ofrecen mapas e información de roteiros, lugares de interese, historia, monumentos e etnografía.